Publicado por: MontePituco | 15/10/2011

MONTE PITUCO: POLÍGONO NON!

Vimos de participar nunha andaina polo Monte Pornedo e outras zonas incluidas no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, na que participaron integrantes de colectivos como Defende o Monte Pituco (Pornedo), Almuinha, Revira e Luita Verde. 

Dende Defende o Monte Pituco expresamos o noso rexeitamento á necia insistencia, por parte do grupo municipal do Psoe, co apoio do grupo municipal do Bng, de favorecer a instalación dun polígono industrial no Monte Pituco, tal e como manifestaron onte ámbolos partidos no pleno da Corporación de Marín. O Monte Pituco (Pornedo) pertence aos Montes do Morrazo, que están protexidos como solo rústico de espazos naturais dentro das Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra. 

Ademais desta figura de protección legal, o Monte Pituco non reúne as condicións técnicas indispensables para a instalación dun polígono industrial, posto que máis do 90% da superficie hipoteticamente afectada por esa infraestrutura ten unha pendente superior ao 15%, que é o desnivel máximo sinalado pola Xunta de Galicia na “Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”. Máis aínda, o 57% do terreo ten máis do dobre do desnivel recomendado. 

A isto engádese a abundancia de gravados rupestres e elementos de interese etnográfico espallados ao longo do Monte Pornedo e do ámbito xeográfico que abarca o Espazo Natural e Etnográfico dos Sete Camiños: complexos rupestres de Pornedo, de Sete Camiños, de Piñeiral de Caeiro, de Regato dos Buracos, de Pumariño, mámoas e miradoiros naturais. 

Condenar tamén a actitude da directiva da comunidade de montes de San Xulián, por amosarse favorable á instalación dun polígono industrial no Pituco, incorrendo así na flagrante contradicción de apostar pola destrucción dunha ampla superficie que, por principios, debera defender. Os evidentes intereses económicos e especulativos desta directiva non poden vulnerar a lexislación ambiental nin urbanística vixente, nin están por riba das circunstancias da propia orográfía do terreo. 

Se prosperaran as torpes intencións da directiva da comunidade de montes e dos grupos políticos -Psoe e Bng- que porfían en esnaquizar a riqueza forestal e patrimonial do Monte Pornedo, cometeríase un atentado ambiental debido ao impacto paisaxístico dos taludes, á máis que probable perda dos mananciais naturais que fornecen de auga os habitantes da zona, e ao dano irreparable nos elementos arqueolóxicos, catalogados como Bens de Interese Cultural. 

A comisión do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños á que pertence Defende o Monte Pituco, está ultimando a elaboración dun documental audiovisual sobre este lugar para dar a coñecer a importancia deste enclave e a necesidade da súa conservación.


Respostas

  1. Non entendo a actitude dos políticos, cada vez mais, reafírmome en que, independentemente do partido no que militan, dereitas ou esquerdas, cada un vai á súa comenencia.
    Fran Veiga no pleno do venres, soltou un discurso que durou mais de dez minutos sobre as excelencias do chan de Pornedo para instalar ahí un polígono empresarial. Según el, hai centos de xóvenes traballadores que están no paro e que con ese polígono verían cumpridas as súas demandas de traballo e de futuro.
    Ese mesmo discurso tiña o BNG cando pretendía meter o polígono no chan da Brea.
    No caso da Brea sabemos que o polígono traía consigo unha enorme especulación urbanística nos terreos limítrofes ó polígono . Había moitos intereses en xogo para os políticos que gobernaban daquela.
    O que descoñezo é a verdadeira intención que se agocha detrás do discurso de Fran Veiga.
    Por que Fran considera que sería unha aberración poñer o polígono en Pastoriza por ser monte protexido, pero non lle importa metelo no Pornedo?
    Acaso o Pornedo non acada suficientes méritos para a súa protección?
    Será por iñorancia?
    Será por vinganza?
    Será simplemente por chamar a atención?
    O que ronda pola cabeza do ex alcalde de Marín é para min unha incógnita.


Deixar un comentario

Categorías