Flora

Moitas andainas. Con sol e calor, con choiva e vento, con néboa ou co ceo azul. Milleiros de pasos. A experiencia sempre é diferente: a intensidade da luz, o sentido do aire, un son, un aroma. Os sentidos, receptivos a todo tipo de sensacións. E velaí está ese paxaro, ou esa flor, ou ese insecto, ou ese arbusto. Bechos e herbas son os habitantes “anónimos” do Monte Pornedo. Seres vivos que se asoman a esta fiestra virtual como mostra da riqueza natural e da biodiversidade deste espazo que merece perdurar.

POLÍGONO, NON!

Silene gallica: anual, con talos de 8-60 cm, simples ou ramificados dende a base, pilosos. Flores dispostas en inflorescencia racemosa, a miúdo unilateral. Os pétalos levan limbo de ata 7 mm, branco ou rosáceo. Froito en cápsula de 6-9 mm. Florece en abril-agosto, sendo moi común en toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Sedum (pan de lagartos, piñeiriña ou uva de raposo): planta perenne, glabra, griseira ou glauca, con talos débiles deitados de ata 12 cm. Flores pentámeras, con sépalos libres, de 2-5 mm, agudos e con pequeno esporón basal, e pétalos brancos ou rosados, de 3-10 mm, agudos. Florece en xuño-agosto en pedreiras, rochedos, etc. de toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Tuberaria guttata: anual, pelosa, con talos floríferos. Follas basais en mouta. As flores levan longos pedicelos. Pétalos de 3-9 mm, amarelos, manchados na base. Florece en marzo-agosto en gabias e lugares removidos e secos de toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Ericáceas: arbustos perennes con follas lineares e beiras reviradas, dispostas en verticilos. Flores pentámeras, en acios. Con cálice curto e corola urceolada, branca ou rosácea. Sementes diminutas. Todas as especies teñen interese melífero (mel de breixo) e ornamental, en especial as formas albizas (flores brancas). (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Linaria spartea: Anual, con talos floríferos de ata 60 cm. Follas lineares, obtusas, alternas. Inflorescencia laxa, de flores con pedicelos de 3-15 mm, cálice de 4 mm con lóbulos iguais e corola amarela de 18-30 mm con esporón de 9-18 mm e padal laranxa. Froito en cápsula de 4 mm, con sementes tetraédricas, negras. Florece en maio-agosto en lugares secos, máis abondosa en terras baixas. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Arenaria montana”: Perenne, cespitosa a miudo, con talos de ata 30 cm, recuberto de pelos curtos. As flores aparecen en cimas, en grupos de ata seis. Sépalos de 5-9 mm e pétalos brancos de 6-14 mm. Froito en cápsula de 5-8 mm, glovoso-ovoideo. Florece en maio-agosto en toda Galicia, en carballeiras aclaradas, piñeirais e outros hábitats moi abertos, como pedregaise breixos, en especial en chans ácidos. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Cytisus striatus”, ou xesta: Arbusto ramallento de ata 300 cm, de pólas cilíndricas con 8-10 costelas lonxitudinais. As follas inferiores levan 3 foliolos e son pecioladas, mentres as superiores son sentadas. As flores levan un pedicelo de 5-10 mm, cálice de 5-7 mm pouco peloso e corola papilionácea amarela viva. Estames, 2 longos, 3 medianos e 5 curtos. Legume de 17-36×8-12 mm, biconvexo. Florece en marzo-xuño en fincas, beiras de camiños e claros de carballeiras das zonas baixas de Galicia. Endémica da metade oeste da Península Ibérica e do norte de Marrocos. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Helichrysum foetidum” ou falsa árnica: planta perenne de ata 100 cm de talos ramosos, algo endurecidos. Follas planas, de beiras onduladas, verde-glandulosas pola cara e branco-tomentosas polo envés. Flores en flósculo e invólucro que abre en estrela na frutificacion, chegando a 15-20 mm de diámetro, con brácteas de cor amarela palla, brillantes. Florece en abril-xullo, en beiras de estradas e lugares secos. Planta fedorenta, orixinaria de Sudáfrica, aínda que hoxe moi espallada. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Digitalis purpurea” ou seoanes, sanxoán, milicroques, estralote, dedaleira, dixital, abeluria, botexo, croque, estoupallo…: Planta que acada os 200 cm, pubescente e aínda lanos, con follas basais pecioladas máis ou menos rugosas, ovadas e lanceoladas, recubertas de pelos. Flores con corola, púrpuras (ás veces brancas), co interior branco-punteado de vermello, peloso, dispostas en acio non ramificado. Florece en abril-setembro en case toda Galicia. Toda a planta é velenosa, por conter dixitalina, droga que fai máis vagaroso o latexar do corazón, polo que se emprega en medicina. É tamén planta máxica, por escorrentar as desgrazas. Moi popular, como indica a cantidade de nomes vulgares, moitos dos cales proceden do estoupido que se produce ao xogar coas flores. (“Guía das plantas de Galicia”, X.R. García. Xerais, 2008).

“Sambucus nigra” ou sabugueiro, bieiteiro: Arbusto que pode acadar os 5 metros, con miolo branco, lixeiro e mol. Follas pinnadas con 5-7 folíolos, ovados, de beiras serradas. Flores pentámeras de 5 mm de diámetro, corola branca e anteras amarelas, fortemente arrecendentes, dispostas en inflorescencias corimbosas de 1′-24 cm de diámetro con 4-5 raios primarios. Froito en baia de 4 mm, negra na maduración. Florece en abril-agosto en lugares algo húmidos e con materia orgánica, de toda Galicia. Foi xogo tradicional infantil a feitura de tiratavos e xeringas coas pólas, despois de extraer o miolo. Os froitos, aínda que lixeiramente tóxicos, son laxantes e téñense empregado para dar cor ao viño tinto. As flores son sudoríficas e antitusíxenas. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008)

“Papaver dubium”, ou mapoula: anual, pelosa. Florece en xuño-agosto en lugares secos de toda Galicia. No Pornedo adiantouse a floración; estes exemplares corresponden a mediados de marzo. (Guía das plantas de Galicia, de X.R. García. Xerais, 2008).

No ‘Catálogo Galego de Especies Ameazadas’, publicado no DOGA do 9 de maio de 2007, atópase o fento “Dryopteris guanchica Gibby & Jermy”, marcado como especie VULNERABLE. Segundo a ‘Guía das plantas de Galicia’, de Xosé Ramón García, atópase en rochedos húmidos e a súa esporulación prodúcese entre maio e outubro. No contorno do Monte Pituco dáse a carón dun regato onde se localizan exemplares de SARAMAGANTA ou “CHIOGLOSSA LUSITANIA”, un anfibio que tamén está incluido no ‘Catálogo Galego de Especies Ameazadas’, na categoría de vulnerable (código 149). A importancia da conservación deste hábitat radica non só na existencia de exemplares de “Dryopteris guanchica”, senón tamén en que o regato é unha zona de cría da saramaganta.

Entre os meses de agosto e outubro, cando se calcula que florece, a presenza da “Merendera pyrenaica”, coñecida popularmente como tollemerendas, localízase “en prados e claros de breixos de toda Galicia, desde a beiramar ata as maiores alturas”. Trátase dun endemismo da Península Ibérica, conforme a ‘Guía das Plantas de Galicia’. Agroma de forma abundante no Monte Pornedo, na aba do mesmo val.

A presenza desta especie botánica no Monte Pituco demostra a verstilidade deste espazo para acoller plantas propias de procedencias diversas. Así, a “Pedicularis sylvatica”, coñecita tamén como herba piolleira ou chuchamelos, “florece en febreiro-outubro en brañas, herbazais e queirugais”, segundo a ‘Guía das plantas de Galicia’.

“Linaria saxatilis” ou paxariño: Perenne (raramente anual), con talos de ata 50 cm, máis ou menos glandular-pubescentes, os fértiles acompañados doutros estériles. Follas dos talos fértiles de 4-20 x 1-5-mm, lineares ou oblongo elípticas, de disposición alterna as superiores, en verticilos de 3-5- as inferiores. Flores con pedicelos de 0,5-3 mm, cálice de 3-4,5 mm e corola amarela (ás veces algo vermella), de 9-18 mm, con esporón de 5-8 mm, máis curto có resto da corola. Cápsula de 2,5-4,5 mm. Sementes acastañadas. É planta polimorfa. Florece en maio-agosto en cantís de toda Galicia. ENDEMISMO do cadrante NW da Península. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Eupatorium cannabinum”, herba de Santa Cunegunda ou porqueira: Planta erecta, de ata 175 cm, con follas palmeadas en 3-5 lóbulos lanceolados a ovados, de 5-10 cm, coas beiras serradas. Flores purpúreas (ás veces brancas) en capítulos de 2-5 cm de diámetro. Aquenios de 3 mm, negros na madurez, con papo de pelos brancos denticulados máis longos que o aquenio. Florece en xuño-agosto en lugares húmidos e sombrizos de toda Galicia. Considérase laxante e purgante, en especial a raíz. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Cuscuta epithymum” ou barbas de raposo: Talos de cor vermella-acastañada a case amarela. Florece en maio-agosto en gran parte de Galicia, parasitando en especial a toxos, xestas e mesmo trevos. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Dipsacus fullonum” ou cardencha: Planta erecta, que acada os 200 cm, co talo asucado e con aguillóns. Follas caulinas enteiras algo dentadas, unidas polas bases, coas nervacións cubertas de aguillóns tamén. As flores, con corola rosácea de menor tamaño. Florece en xuño-agosto en lugares secos de toda Galicia, como proximidades de praias, coídos nas beiras dos ríos, ou beiras de camiños. Considérase planta diurética. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Solidago virgaurea” ou herba forte, ou vara de ouro: Talos de ata 100 cm, con follas basais pubescentes, de 2-20 cm, oblongo-lanceoladas a elípticas. Inflorescencia terminal tirsoidea, con capítulos 7-10 mm de diámetro. Aquenios acastañados. Florece en xuño-setembro en lugares sollados de toda Galicia (pero falta nas zonas máis baixas), sendo planta de gran variabilidade. Considérase astrinxente e diurética por vía interna, e vulneraria aplicada exteriormente. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Frangula alnus” ou sanguiño: Arbusto ou pequena árbore, de ata 5 m, con follas caducas de 3-7 cm, obovadas enteiras, de cor verde escura, brillantes. As flores, de 3 mm, hermafroditas, van dispostas en acios pequenos nas axilas das follas, e teñen cálice verdoso de 5 sépalos e 5 pétalos menores, blanco-verdosos. Máis visibles son os froitos, drupas de 6-10 mm que son verdes ao primeiro, despois vermellos, e negros na madurez. Florece en abril-xuño, aínda que non sexa raro ver flores en setembro. Maduran os froitos desde xullo. Abondoso en sotobosques de carballeiras, piñeirais en recuperación, sebes… A casca é un vomitivo enerxético en fresco, e seca, despois dun longo periodo (máis dun ano), un bo purgante. Usábase para curtir o coiro e tamén, cocida en leite, contra a sarna. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Pinus pinaster”, piñeiro bravo ou piñeiro do país: Pode acadar os 40 metros de altura. A casca, moi fendida, é acastañado-avermellada. As follas, aciculares, van porpares. As piñas son estreitas. As sementes ou piñóns miden 7-8 mm. Este piñeiro, o máis abondoso no país, debeu chegar a fins do XVIII procedente de Portugal, pero hoxe ocupa máis do 25% do noso chan, nunha orla que ocupa as provincias de Pontevedra, A Coruña e norte de Lugo. A madeira, de regular calidade, emprégase en especial para embalaxe, industria da celulosa, etc. Ás veces sángrase para extracción de resina. As piñas foron o xeito tradicional de prender o lume, para o que se comercializaban. (“Guía das plantas de Galicia”, Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

A “Daboecia cantabrica” é un arbusto que acada os 50 centímetros, con follas de 10 a 14 milímetros, lanceoladas ou elípticas, coas beiras de cara verdes, reviradas, aínda que amosando a maior parte do envés, branco-tomentoso. As flores parecen acios terminais nas pólas, en número de 6 a 15, e corola urceolada, violácea. Ovario recuberto de pelos glandulosos. Cápsula de 3 a 7 milímetros, dehiscente por 4 valvas e con sementes numerosas e diminutas. Florece entre xuño e outubro en toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008).

“Erica ciliaris”, coñecida en galego como carrasco, carroucha, queiruga, carpaza (en castelán, brezo). Pequeno arbusto que acada os 80 centímetros, con talos retortos. AS follas, de 2 a 4 milímetros, aparecen en verticilos de 3 a 4, e son ovais ou lanceoladas, con beiras ciliadas, revoltas, pero non recubrindo máis ca un terzo da superficie do envés. AS flores en acios terminais de forma piramidal, con pedicelos de 1,5 a 3,5 milímetros pelosos e avermellados que levan dúas bractéolas opostas inseridas na metade superior do peciolo. Florece entre abril e setembro, en brañas e zonas húmidas de toda Galicia, en especial na área máis atlántica. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008).

“Calluna vulgaris”, merino. Arbusto rexo, de ata 100 centímetros de altura, moi ramallento. As follas, de 1 a 3,5 milímetros van dispostas imbricadas en 4 ringleiras e levan na base dúas pequenas prolongacións. As flores van dispostas en acio laxo, e levan sépalos de 3 a 4 milímetros, rosáceos, e corola de 2 a 3 milímetros formada por 4 lóbulos. Estames inclusos, ovario peloso. Florece entre setembro e novembro, sendo un dos principais compoñentes do monte baixo. Usado en tempos como diurética e por ser planta tintureira. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008).

“Arctium minus”, ou pegotes, peollos, herba dos amores. Florece en maio-xullo en lugares nitroxenados. Empregada como depurativa e para males da pel. Os nomes galegos lembran as propiedades dos capítulos de apegárense doadamente nas roupas e pelos. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008).

“Cistus psilosepalus sweet” ou carpaza: Arbusto con talos ramosos de ata 100 cm. As follas son sésiles, ovado-oblongas, a linear-oblongas, planas ou a penas revolutas, pelosas por cara e envés, percorridas por tres veas. As flores levan cinco sépalos, dous deles algo maiores de cor verde marela, e cinco pétalos brancos, a miúdo cunha mancha basal amarela. Estames iguais. Froito en cápsulas que abre por cinco valvas. Florece en maio-xuño en chans ácidos, senso máis abondoso en baixas latitudes. Constitúe ENDEMISMO da metade oeste da Península Ibérica. (Fonte: “Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

A herba de Santiago, herba do sapo ou casanio, segundo as denominacións que se lle atribúen na “Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García Martínez, é unha planta bienal e perenne, con talos de ata 150 centímetros, máis ou menos pelosos, e só ramificados na inflorescencia. Florece entre xuño e outubro e para o gando resulta velenosa a súa inxesta. O seu nome científico é “Senecio jacobaea” e recibe a denominación tradicional vencellada ao apóstolo pola súa abundante presenza nos camiños de peregrinación a Compostela.

Malva: As flores levan cinco pétalos rosáceos ou purpúreos, emarxinados ou bilobados. Froito en esquizocarpo. Todas as malvas son laxantes. Hainas de distintas variedades: moschata, tournefortiana, sylvestris, nicaensis ou neglecta. (“Guía das plantas de Galicia”: Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

“Ulex”, ou toxo: Arbustos espiñentos, con pólas transformadas en espiñas nas que se implantan espiñas secundarias e terciarias, e follas altarnas trifolioladas que só aparecen nas plantas moi novas, sendo logo sustituidas por espiñas verdes. AS flores, axilares, son amarelas, caracterizadas polo cálice amarelo, que leva debaixo un par de bractéolas amarelas. Froito en legume con 1-6 sementes. O da variedade “europaenus”, ou arnal, é endémica en Galicia e no norte de Portugal. O toxo tiña moita importancia na economía labrega, xa que servía para estrar as cortes do gando, e máis tarde como estrume para abono das leiras. (“Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

“Carlina corymbosa”: Perenne, con un ou máis tallor tomentosos que acadan os 50 cm e xorden de rizoma subterráneo. As follas, ríxidas, oblongo-lanceoladas a ovadas, dentadas a pinnatipartidas, levan as beiras onduladas, fortemente espiñentas. Flósculos amarelos. Florece en xuño-agosto en lugares secos de toda Galicia, mesmo da beiramar. (“Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

“Rubus”, ou silva, silveira: Arbustos subleñosos ou plantas herbáceas rastreiras (máis raramente), de talos con espiñas. As follas son alternas, con 3-7 foliolos. As flores, solitarias ou en panículas, son pentámeras, con cinco pétalos brancos ou rosa forte, sen epicálice e con numerosos estames. O froito, a amora, está formado por moitas drupas carnosas dispostas en forma de glomérulo. As amoras empréganse para facer marmeladas e xaropes, ademais de como astrinxentes. As partes novas da planta empréganse en homeopatía para tratar as diarreas. A variedade “ulmifolius” florece en maio-agosto nas beiras dos camiños, claros de bosques, sebes… con turións que amosan grande agresividade na colonización nesta época. (“Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.