Publicado por: MontePituco | 28/05/2012

ROTEIRO POLOS MUÍÑOS DE LOIRA, CON RONSEL

Muíño de Loira.

O Grupo Cultural Ronsel organizou este fin de semana un interesante roteiro polo río Neibó-Loira para dar a coñecer unha parte dos 55 muíños catalogados neste espazo natural, algún cunha antigüidade que se remonta ao século XVIII. O Concello de Marín podería estar moi orgulloso de contar cun valioso patrimonio etnográfico-cultural vencellado ao medio fluvial que, polo descoñecemento da cidadanía -agás un público minoritario-, polo desinterés dos propietarios -afortunadamente non todos- ou a súa incapacidade económica, e pola inacción das Administracións -agora botarán man do argumento da crise para eludir a súa cuota de responsabilidade-, pasa totalmente desapercibido.

Por iso é tan necesario o labor de Ronsel: traballo de campo na recollida de datos, documentación, clasificación do material, xestións a nivel público e privado procurando a restauración e a posta en valor destes bens, promoción social… O traballo é arduo, pero prevalece o sentido do deber e o efecto gratificante de participar nunha causa tan nobre como a defensa da nosa historia, que é tanto como defender a nosa identidade. Dificultades haberá, unhas superables e outras insalvables, que atrancarán o camiño unha e mil veces, pero aí estará sempre o rastro innegable do esforzo por acadar o obxectivo.

Sexan muíños, sexan cruceiros, sexan mámoas e petroglifos, a súa conservación debería estar por riba de intereses particulares e/ou partidistas, se do que se trata é de recuperar un ben colectivo que, por riba xeraría valor engadido, riqueza e dinamismo.

…E comeza a andaina en Loira, na mesma desembocadura do río.

Desembocadura do río Loira.

O muíño de Liña ou de Franco mantense en pé, pero perdeu a súa función como tal, xa que, a raíz dunhas obras no cauce do río, foi privado da canle de auga directa que o alimentaba.

Muíño de Liña.

Aprendemos a diferenciar entre muíños de cubo e muíños de canle: os primeiros dispoñen no exterior dunha estrutura que lles permite acumular auga coa que obteñen a enerxía para o seu funcionamento, mentres que os segundos contan cun rego coa que encauzan a auga ao seu interior.

A carón da estrada están os muíños da Correxedora e de Clemente. Por desgraza, este último está totalmente cuberto pola maleza.

Muíño da Correxedora.

A broza oculta os restos do muíño de Clemente.

Muíño de Vilas.

A seguinte edificación é un perfecto exemplo de respecto á tradición: restaurado por fóra e acondicionado por dentro, o de Vilas permite apreciar como é un muíño de cubo.

Muíño de Vilas.

Muíño de Vilas.

Muíño dos Campos.

...Malia estar cheo de broza, aínda se pode apreciar a canle do muíño dos Campos.

Muíño dos Campos.

…Outros, como o de Garrido, en Seixo, son practicamente inaccesibles.

Restos do muíño de Garrido, Seixo.

Restos do muíño de Xandeira.

Se por algo se caracteriza este tramo do río é pola vexetación exuberante, a base de plantas de ribeira: fentos, hedras, ameneiros… Atopámonos nunha pequena e refrescante Amazonía marinense.

Vexetación frondosa na ribeira do Loira.

Muíño de Xandeira.

Os muíños de Xandeira e de Fixón atópanse neste frondoso treito do río. Un está en ruínas. O outro foi restaurado por integrantes de Ronsel, pero lamentablemente foi destruído pola acción irracional dos vándalos que “arrasaron”, literalmente, con todo o traballo de recuperación arquitectónica.

Muíño de Fixón. Destruído.

Interior do muíño de Fixón.

Muíño de Curxideira.

No interior do muíño da Curxideira gárdanse varias pezas antigas. Que oportuno sería musealizalo, aproveitando que a estrutura atópase en bo estado tras unhas obras de consolidación das paredes.

Pezas de muíño.

Esquema do muíño de cubo da Curxideira. Imaxe do blog de Ronsel.

A comporta estaba atrancada. Imposible avanzar sen mollar os pés.

Interior do muíño de Lenco de Abaixo.

…Atópase en mal estado, pero os integrantes de Ronsel auguran que tal vez se poida restaurar nun futuro máis ou menos próximo se os propietarios se poñen de acordo. Ogallá prosperara a proposta. Din os pescadores que o Loira foi un río moi troiteiro; unha cualidade que se debe, en parte, a que boa parte dos seus muíños estaban operativos. As mellores pezas  podíanse pescar nos remansos próximos: os peixes alimentábanse do gran moído que se coaba na corrente de auga…

Muíño da Ramallosa.

A carón das obras da variante atópase o muíño da Ramallosa.

Esquema do muíño da Ramallosa. Imaxe do blog de Ronsel.

Outro espazo de espectacular beleza é o contorno dos muíños de Maduro, do Buraco e da Potra, na subida cara ás Pedreiras. O muíño de Maduro -o único dos tres que se atopa en bo estado- destaca porque ningún outro en todo este treito posúe tres canles de auga. O de Buraco parece feito aproveitando a forma natural do terreo. Da estrutura queda só o dintel da porta, na que aínda se aprecian as marcas dos canteiros. O da Potra, cuberto pola vexetación, nun lugar extraordinariamente sombrizo, foi tamén vivenda.

Muíño de Maduro.

Muíño de Maduro.

Muíño de Maduro.

Restos do muíño do Buraco.

Restos do muíño da Potra.

Canle do muiño de Sanín.

Chegando á finca dos Evanxélicos de Marín atópase o muíño de Sanín, coa súa longa canle. Xa a carón desta propiedade que a veterana comunidade evanxélica posúe a carón do río, con algunhas árbores pintadas imitando o bosque do artista Agustín Ibarrola, atópase tamén o muíño da Pradeira. Desgrazadamente, non foi aínda restaurado, malia ser un exemplar de muíño ben xeitoso.

Muíño da Pradeira.

E por último nesta visita, o muíño Albeiro: venlle o nome a conto de que a pedra coa que se moía o gran tiña incrustacións brancas; a materia prima probablemente procedera da zona oriental de Galicia. Non en van, neste muíño moían trigo e centeo, e a fariña caracterizaríase por ter unha textura especial.

Muíño Albeiro.

Unha noite no muíño,

unha noite non é nada,

unha semaniña enteira,

esa si que é muiñada.

AGRADECEMENTOS: Antón Pousada e Xosé Vilas, do Grupo Cultural Ronsel.

MÁIS INFORMACIÓN: Blog de Ronsel, apartado de MUÍÑOS.


Responses

  1. Felicitacións polo bonito texto e excelentes imaxes desta camiñata, e gracias por axudar a espallar as actividades de RONSEL.

    Permitime tres pequenas aclaracións que de ningún xeito disvirtuan o excelente traballo:
    1) O muíño que aparece co nome de CORREXEDORA é CORREXEDEIRA.
    2) O muíño de Maduro é de tres cubos e hai outro máis, o de D. Benito. Son os dous únicos que teñen tres cubos neste río.
    3) O espazo da Comunidade Evanxélica de Marín está ubicado na Pradeira, xunto co muíño que leva ese nome tamén. O muíño de Sanín está en Sanín, un pouco máis río abaixo.

    Un saúdo de Antón Pousada

    • Moitas grazas, Antón. Benvidas sexan as puntualizacións. Como benvida sería tamén outra próxima andaina para coñecer os muíños que quedaron pendentes de visita. Noraboa a Ronsel polo excelente traballo e grazas polo voso apoio á conservación do Pornedo.

  2. [...] Un artigo de Marcos Gago titulado “El río no mueve la rueda de Fixón” e publicado en La Voz de Galicia, dá conta da destrucción do muíño de Fixón, no río Loira, como quedou de manifesto nunha recente roteiro organizado polo Grupo Cultural Ronsel, que tamén se relatou neste mesmo blogue: “Roteiro polos muíños de Loira, con Ronsel“. [...]

  3. […] relacionado: ROTEIRO POLOS MUÍÑOS DE LOIRA, CON RONSEL, maio […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: